Páginas

27/10/10

QUE CHOVA!!



A miña moita amizade polo alleo levoume desta vez, pasando por Rock de Serie B, á revista Arraianos. Alí roubeille a Carlos Codias esta lucida e lúcida crítica das Ataque Escampe, que o que escribe subscribe.

A primeira vez que escoitei aos Ataque Escampe en concerto foi como se me atopase a min mesmo, con dez anos menos e bastante máis talento e formación musical da que tiña eu daquela, facendo realidade o eterno soño frustrado dun adolescente revolucionario que quería facer música caralluda para que o seu vello lle dixese algún día que todo aquilo era unha puta merda. Dende entón, esta banda arraiana, coas raizames no barrio compostelán de Vista Alegre e as pólas máis altas da árbore chegando á costa oeste dos Estados Unidos, xa leva catro discos editados.
Cada vez soan máis luminosos e felices, brothers, máis retranqueiros pero igual de artesanais có licor café matador de mosquitos. Dende Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) até A grande evasión (2009) chove seguido nas cabezas librepensadoras destes discípulos heterodoxos de Andrés do Barro, Peckinpah, Xil Ríos e Vidal Bolaño. Pero no medio desa chuvia infinda de ideas e de sons ben enfiados e de letras afiadas, non podemos esquecer a treboada de Galicia es una mierda (2008), con sermón incluído, o interludio erótico festivo de Galicia es una fiesta (2008), o seu premio GZ Crea e a posta en funcionamento da Plataforma A Regueifa.
No seu último disco, que é do máis destacado do ano no panorama galaicopopeiro, hai orixinalidade, videoxogos, cinema e mesmo algo de filosofía oriental: todo o que cae na rede é peixe, que pode rematar na ecléctica cocteleira de retranca vitaminada que xa é marca da casa destes regueifeiros galegos e universais. Velaquí temos unha música feita con sensibilidade e agarimo, un produto orixinal e exportable, un rock de serie B que arrecende a viño de taberna pero que baixa coa suavidade intensa da mellor augardente vella de Ludeiros.

Carlos Codias

16/10/10

ARADOS DE FERRO E KALÁSHNIKOVS

Cando arrincou este blogue non contaba(mos) con chegar máis aló da primeira entrada, nin sabia(mos) se o chegaría a ler alguén alleo á miña rateira.
Iso trocou. Non sei se animado por ter unhas seareiras de semellante categoría, por un retrouso dunha canción inédita (Nunca Máis Vou Calar) dunha compositora de moi preto ou porque despois do alumeamento, no canto de depresión, houbo celebración post-parto e agora "ferméntame o Vodka na arteria....." que leva o sangue ó meu cerebro de roedor e, a causa dos vapores dalgunha reacción química descoñecida, a sinapse é un ir e vir de musas, brincando dunha neurona á outra (si, si... digo á e non a), facendo bulir as ideas de tal xeito que se atuíu o carril de saída.
Non sabía se escribir sobre o presidente das terras irmás de Catalunya que, outra vaca no millo, volta coa teima do uso e abuso dos tópicos; ou se falar dos gobernantes desta terra, enfrascados estes no despegue dun globo-sonda tripulado pola psicodélico-alucinóxena proposta de estirar o Xacobeo até o infinito.
No medio desta indecisión deume por roer na prensa local, a fame éche o que ten. Así que subín ó faiado (onde os humanos se afanan en construír altísimos rañaceos de xornais) e encomezando, coma sempre, pola contraportada, que adoita se-la parte menos indixesta, atopeime cunha entrevista de verán a O Leo, máis merecente de saír no blogue que os produtores do atoamento.


Vou indultar esta páxina e mastigar na programación da TV, aínda que despois teña ardores de estómago.