Páginas

29/09/10

SERVIZOS MÍNIMOS

O meu curmán, o outro 50% do blogue, puido facer folga. Eu estou de servizos mínimos, e non podía deixar pasar este día sen escribir a consigna máis coreada nas folgas xerais dos ratos:

Un gato cun empresario
caíron xuntos nun pozo
e como os dous tiñan uñas
rabuñáronse o pescozo.

21/09/10

A FESTA QUE NON SE MERECEN

Os humanos da casa onde vivo..... mellor dito, os humanos que viven na miña casa, andan estes días un pouco cabreados porque mandaron unhas cantas palabras xuntas ás respectivas seccións de "cartas al director" de dous diarios e non llas publicaron. Gustoume e apodereime desa misiva, despois de cobrar vida pasada a media noite dun día do mes de agosto (son coma un gremlin). Púxenme en contacto cun curmán meu, que estudou informática e agora traballa de rato de ordenador, para que me axudara a facer este Blogue. Agora quérovola ensinar:
__________

“A ver se tiveras tempo de repasar o abecedario...”: da A á Z, de Ataque Escampe ata Zënzar. Do hip-hop da vella escola de Dios ke te crew ó máis fusionado de GalegoZ. Do folk de Kempallou á irreverencia punk de O Leo i Arremacághona. Ruxe-ruxe para os que gustan do auténtico rock and roll ou Lamatumbá para os máis festeiros. A potencia do power-pop de The Homens fronte á tranquilidade de Marful. Poderiamos seguir cunha lista interminábel de grupos que fan música EN GALEGO e que ben merecen un oco no cartaz do San Froilán, pero parece que o espazo reservado para a nosa música, que é totalmente ridículo, queda cuberto co folk, que tamén merece o seu lugar, mais a música galega abrangue unha variedade máis ampla de estilos.
Estas palabras poderían ir dirixidas aos organizadores destas festas, para que á hora de elaborar a programación dos concertos tivesen en conta o noso variado panorama musical. Porén, como sabemos que rematarían caendo nun “burato de gruyère”, dirixímolas a quen teña a capacidade de organizar nesas datas un concerto alternativo ANTISANFROILÁN. “Ímoslles armar a festa que (NON) se merecen”.
__________

Eses animais con roupa que viven na miña casa son un pouco ilusos, eu ata diría que un pouco parvos, pois non se decatan de que para que che publiquen cartas en diarios coma "El Retroceso" ou "La Coz de Galicia" hai que ter algo importante que dicir e expresalo cunha mínima calidade literaria, cualidades que lles debeu parecer que si reunía esta outra carta que saíu uns días despois.....


.....sen comentarios. Ben mirado, dende o punto de vista deste humilde roedor, é unha honra non aparecer a carón de best-sellers coma este.

Escoita e desafóghate: