Páginas

31/12/10

CARTA D'AMOR PER A UN EXTRATERRESTRE


Hei...!!! Que pasa, estimat Montilla!?! Non pensarías que xa me esquecera do uso despectivo que fixeches de Nós, os galegos, no Parlamento! Se tardei tanto en escribirche esta carta de amor debeuse soamente ao moito tempo que me levou planificar a miña fuxida polo camiño a_Teo. Mais despois dunha curta e axitada viaxe no cacharro de teletransportación mercado polo “Ministerio de Novas Tecnoloxías” da R.C.E.L. á consellería de turno da Xunta, xa estou na túa terra de adopción.
Cataluña... Outra vez♫... O segundo que fixen ao chegar foi pescudar o por que do accidentado traslado, chegando á conclusión de que como o último en usar a cápsula espacial fora o sheriff Feijóo para asistir a un mitin de A.S.C. (si, poño as iniciais como fan na prensa local con algúns delincuentes), algo estraño debera ocorrer no proceso de desintegro-reintegración para que un “sentimento” invisíbel, que quedou no ar e que cheiraba a incenso, se fundise comigo na seguinte viaxe, dando como resultado que, ao chegar a “El Prat”, o primeiro que fixen foi dicirlle ao aduaneiro “si me hablas en catalán, te voy a hablar todo en gallego” (terra trágame).
Viaxei de Lugo a Barna para ver á miña moza, que vive aquí, nos sumidoiros do túnel do AVE que pasa por debaixo da obra inacabada máis emblemática de Gaudí (unha mágoa tanto talento arquitectónico desaproveitado en prol da Igrexa). Aproveitando a miña presenza na Cidade Condal, uninme a unha concentración de protesta contra a construción do citado buraco, mais non por medo a que se produza algún derrubamento na agora consagrada Basílica, senón polo impacto ambiental que produce nos sumidoiros, o noso hábitat underground-natural nas cidades. Como se non tivésemos xa dabondo coa rede de galerías do subway! Foi un pequeno fracaso, pois agardábamos a asistencia duns 200000 animais, e entre teipas, ratas e algunha que outra tartaruga mutante non chegamos aos 16000 bechos (e non había policías). No tema do derrubamento do edificio superior xa andan inmersos os ratos científicos cataláns, traballando nun proxecto de manipulación xenética para a creación dunha superrata que roia pedra, aceiro e formigón no canto de papel, para ir triturando os piares da Terra... Ui, deixeime levar, quería dicir os piares da familia... Non, da Sagrada Familia.
Pensaba, e volvo contigo, Monti, que andarías moi liado coa campaña electoral. Mais xa me contaron os meu colegas d'aquesta terra que como non contas con repetir mandato, andas a preparar oposicións. Oposicións para entrar no partido de Rosa Cero, sen dúbida. E dentro desta preparación podemos enmarcar o comentario que nos molestou. Un consello: vas ter que esforzarte un pouco máis, probar insultos máis fortes, xa que polo de agora non superas a “nota de corte” para o aprobado-ingreso, que esa púxoa ben alta a túa amiga Rosa. Pódelo intentar con que “somos transparentes, teimudos, tercos coma mulos”♫... Ou xa directamente con que “Galicia es una mierda”. Ánimo, ti podes!
Dos pobos irmáns, neste caso dos Paísos Cataláns, fálase con agarimo. E para que tomes nota, vou recorrer unha vez máis á intertextualidade, apoiándome nun artigo publicado por Ramón Chao fai xa uns anos, cando aínda non o censuraran n'A coz de Galicia. Pero iso será na próxima entrada, que esta xa se fixo longa de máis con tanta paixón desbordada.
PS: Como mostra do meu amor, regáloche a cápsula de teletransporte para que viaxes na busca doutros extraterrestres.