Páginas

27/10/10

QUE CHOVA!!



A miña moita amizade polo alleo levoume desta vez, pasando por Rock de Serie B, á revista Arraianos. Alí roubeille a Carlos Codias esta lucida e lúcida crítica das Ataque Escampe, que o que escribe subscribe.

A primeira vez que escoitei aos Ataque Escampe en concerto foi como se me atopase a min mesmo, con dez anos menos e bastante máis talento e formación musical da que tiña eu daquela, facendo realidade o eterno soño frustrado dun adolescente revolucionario que quería facer música caralluda para que o seu vello lle dixese algún día que todo aquilo era unha puta merda. Dende entón, esta banda arraiana, coas raizames no barrio compostelán de Vista Alegre e as pólas máis altas da árbore chegando á costa oeste dos Estados Unidos, xa leva catro discos editados.
Cada vez soan máis luminosos e felices, brothers, máis retranqueiros pero igual de artesanais có licor café matador de mosquitos. Dende Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) até A grande evasión (2009) chove seguido nas cabezas librepensadoras destes discípulos heterodoxos de Andrés do Barro, Peckinpah, Xil Ríos e Vidal Bolaño. Pero no medio desa chuvia infinda de ideas e de sons ben enfiados e de letras afiadas, non podemos esquecer a treboada de Galicia es una mierda (2008), con sermón incluído, o interludio erótico festivo de Galicia es una fiesta (2008), o seu premio GZ Crea e a posta en funcionamento da Plataforma A Regueifa.
No seu último disco, que é do máis destacado do ano no panorama galaicopopeiro, hai orixinalidade, videoxogos, cinema e mesmo algo de filosofía oriental: todo o que cae na rede é peixe, que pode rematar na ecléctica cocteleira de retranca vitaminada que xa é marca da casa destes regueifeiros galegos e universais. Velaquí temos unha música feita con sensibilidade e agarimo, un produto orixinal e exportable, un rock de serie B que arrecende a viño de taberna pero que baixa coa suavidade intensa da mellor augardente vella de Ludeiros.

Carlos Codias

Sem comentários:

Enviar um comentário