Páginas

05/11/10

Até o infinito e máis aló.......... Non, caminho a Teo



Moito deu de si o xogo gráfico comparativo candidato-axente do MI6 da pasada campaña electoral, nótase que os publicistas non “tiveron que demandar ás súas musas por non seren avións”. Unha mágoa, pois se non fosen tan sobrados de imaxinación poderían caer no chiste fácil, e que ben quedaría nos cartaces aquilo de “My name is Núñez, Alberto Núñez”. Mais non, quedou só en Feij009, aínda que a min se me antollaba máis axeitada a comparanza do Míster Bean galego con Anacleto axente secreto.
En fin, o candidato xa é presidente (Galicia es una mierda) e entre el e os seus conselleiros andan a meterse noutra lea, dalgún xeito tamén con referencias cinematográficas, xa que emulando a Buzz Lightyear queren alongar o Xacobeo “até o infinito e máis aló”.
Dese globo-sonda que soltaron hai unhas semanas poderíase deducir que vai haber algunha baixa entre os 10+1 apóstolos do equipo de goberno, pois se a ocorrente idea de estirar o ano santo saíu dalgún deles, só puido ser debido aos efectos secundarios do abuso desa substancia fumábel prohibida e ás veces receitada para calmar as dores da fase terminal dalgunha enfermidade incurábel. E, ou se equivocaron coa dose ao receitarlla ou tomouna máis a miúdo do prescrito. Non, sería unha dedución errónea, os conselleiros seguramente gozan de boa saúde. Estarían as alucinacións producidas pola inxestión dalgún fungo alucinóxeno? Ou terían máis que ver con que a persoa en cuestión (no canto de mirar para o ceo e de paso ver se ao teito lle fai falla outra capa de pintura, buscando alí a inspiración, como facemos os roedores aos que nos gosta Serrat) saíu de San Caetano en busca das musas e ao se atopar sen tabaco a saber o que faría coa herba dos xardíns?
Grrr..... Raiba... Pero non lles abondarán doce meses de cando en vez? Non, é que desta volta a olimpíada duraría once anos e non se ven capaces de aturar o estres que lles produciría tan longa e angustiosa espera.
Grrr..... Xenreira... Teñen un negocio tan ben montado que as pequenas tendas coma o ultramarinos de Manolo Simal acabarán por pechar (bueno, esa xa pechou por defunción, pero non do dono do local).
Daralles tempo de falar do asunto con su Santidad o vindeiro día 6 na súa visita lóstrego a Compostela, que debido á “crisi” será curta en tempo, que non en presuposto. Dános igual. O certo é que a algúns tamén nos parece curta, pero por distinto motivo: ese día, se me dou camuflado no recheo do asento dianteiro esquerdo do carro dos humanos, marcharei con eles camiño a Teo, a un evento alternativo á visita papal que durará só 7 horas 45 minutos, o mesmo que a mesma.